Saint George's é a capital do pequeno estado insular de Granada, no mar Caribe. A súa poboación era de 4.318 habitantes en 2006, que contando cos do conxunto da aglomeración urbana alcanza máis de 33.000 habitantes.
Xeografía
A capital, con porto sobre o mar, está arrodeada por terra dun outeiro, que forma parte do cráter dun antigo volcán. Ademais do porto marítimo, as comunicacións internacionais están servidas por medio do Aeroporto Pointe Salines.
A súa economía, en boa medida baseada no turismo, ten como outro dos piares a exportación de produtos tropicais: cacao, noz moscada e unha especia derivada desta última, o macis.
Historia
St. George's foi fundada por franceses en 1650. Logo da retirada de Bridgetown, en Barbados, a mediados da década de 1880, St. George's tornouse a capital da colonia británica das Illas de Barlovento (en inglés Windward Islands).
No ano 2004, St. George's, e o resto de Granada, ficaron severamente damnificadas a consecuencia do paso do Furacán Iván. A axuda internacional, no ano seguinte, contribuíu a paliar os efectos e realizáronse traballos de reconstrución axeitados.
Patrimonio
Fort George, baluarte obra dos franceses, de 1705.
Catedral católica, edificada en 1818.
Igrexa anglicana, construída en 1825.
Museo Nacional de Granada.
Edificio do Parlamento, tamén coñecido como York House, que acolle as dúas cámaras de repreesntantes e máis o Tribunal Supremo (Supreme Court).
O pazo do Gobernador Xeral.
O complexo fortificado de Fort Frederick.
O mercado de St. Georg's.
A praia de Grande Anse, con centros comerciais e hoteis nas proximidades.
O estadio de Queen's Park, que acolleu a copa mundial de crícket do 2007.