Mars Reconnaissance Orbiter

Mars Reconnaissance Orbiter
Representación de Mars Reconnaissance Orbiter en órbita marciana.
TipoCientífico
FabricanteLockheed Martin Space Systems
OrganizaciónNASA
Destino actualEn órbita marciana.
Data de lanzamento12 de agosto de 2005, 11:43 GMT
Foguete portadorAtlas V
Sitio de lanzamentoCentro espacial de Cabo Cañaveral, rampla 41
Obxectivo da misiónEstudo de Marte.
NSSDC ID2005-029A
Masa1031,0 kg
Potencia1000,0 W

Mars Reconnaissance Orbiter, tamén coñecida polo seu acrónimo MRO, é unha sonda espacial da NASA lanzada o 12 de agosto de 2005 mediante un foguete Atlas V desde o centro espacial de Cabo Cañaveral para estudar Marte.

Características

Mars Reconnaissance Orbiter foi lanzada orixinalmente para estudar Marte durante un ano marciano completo usando seis instrumentos. Os seus obxectivos principais son estudar o clima actual do planeta e os seus cambios, estudar a súa superficie e buscar signos de auga, buscar zonas de interese para futuros aterraxes e facer de repetidor para as sondas de superficie.

A estrutura principal está feita de titanio, compostos de carbono e aluminio, con dous paneis solares sobresaíndo e unha antena parabólica de alta ganancia de 3 metros de diámetro. A estrutura principal alberga o sistema de propulsión, telecomunicacións, comando, guiado e os instrumentos científicos. A masa na engalaxe da sonda era de 2180 kg, dos cales 1149 kg eran de hidracina, usada como propelente e almacenada nun único tanque, que alimentan 20 propulsores, dos cales seis, de 170 N de pulo, foron usados na manobra de inserción orbital arredor de Marte, manobra que usou ata o 70% do propelente. Outros seis dos propulsores tiñan un pulo de 22 N e foron usados para corrección de traxectoria, mentres que os oito restantes teñen un pulo de 0,9 N e son usados para control de actitude e apuntado. A nave estabilízase nos tres eixos principalmente mediante volantes de inercia, así como co sistema de propulsión. O coñecemento da posición é proporcionada por 16 sensores solares, dous seguidores de estrelas e dúas unidades de medición inercial, que usan acelerómetros e xiroscopios.

As comunicacións teñen lugar en banda X, a unha frecuencia duns 8000 MHz, e principalmente a través da antena de alta ganancia. A nave dispón de dúas antenas de baixa ganancia, en banda Ka, montadas no prato da antena de alta ganancia. As taxas de transmisión acadan os 6 Mbit/s. Ademais, MRO leva a bordo o sistema de comunicacións Electra en UHF para comunicarse con outras naves en Marte.

A alimentación eléctrica é proporcionada polos dous paneis solares, cada un dos cales ten unha área de 10 m² e está composto por 3744 células solares, producindo conxuntamente ata 1000 W de potencia á distancia de Marte, e cargando dúas baterías de níquel-hidróxeno de 50 amperios-hora de capacidade e 32 voltios de tensión de traballo]].

Instrumentación científica

Insignia da misión.

Mars Reconnaissance Orbiter leva a bordo un total de seis experimentos:

  • HiRISE (High Resolution Imaging Science Experiment): cámara de alta resolución no visible capaz de obter imaxes estereoscópicas. É a cámara máis grande e de maior resolución enviada a Marte.
  • CRISM (Compact Reconnaissance Imaging Spectrometer for Mars): espectrómetro no infravermello próximo e no visible para estudar a composición da superficie.
  • MCS (Mars Climate Sounder): radiómetro infravermello para estudar a atmosfera.
  • SHARAD (Shallow Subsurface Sounding Radar): radar proporcionado pola Axencia Espacial Italiana para estudar a subsuperficie e buscar auga.
  • CTX (Context Camera): cámara gran angular.
  • MARCI (Mars Color Imager): instrumento para estudar as nubes e as tormentas de po.

Desenvolvemento da misión

Mars Reconnaissance Orbiter foi lanzada o 12 de agosto de 2005 ás 11:43 UTC mediante un Atlas V modelo 401 desde Cabo Cañaveral. O voo ata Marte durou sete meses, durante os que se fixeron diversas probas da sonda, calibracións e cinco correccións de traxectoria. A nave chegou a Marte o 10 de marzo de 2006, entrando en órbita marciana tras acender os seus motores durante 27 minutos e quedando nunha órbita de 400 km de periapse e 35.000 km de apoapse, cunha inclinación orbital de case 90 graos. Durante os seis meses seguintes, MRO executou diversas manobras de aerofreada para acadar a órbita final de traballo de 255 x 320 km, co periapse sobre o polo sur e o apoapse sobre o polo norte.

Notas

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 NASA (1 de xullo de 2013). "Mars Reconnaissance Orbiter" (en inglés). Consultado o 17 de agosto de 2013. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 Mark Wade (2011). "Mars Reconnaissance Orbiter" (en inglés). Consultado o 17 de agosto de 2013. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 Gunter Dirk Krebs (2013). Gunter's Space Page, ed. "Mars Reconnaissance Orbiter (MRO)" (en inglés). Consultado o 17 de agosto de 2013. 
  4. N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "MRO" (en inglés). Consultado o 17 de agosto de 2013. 
  5. Claude Lafleur (2010). "Mars Reconnaissance Orbiter / MRO" (en inglés). Consultado o 17 de agosto de 2013. 

Véxase tamén